CRTVG

Buscar

Ciudadanos levanta o veto e negocia con Vox en Madrid

Publicado o 10/06/2019 08:44

Ciudadanos levanta o veto e reúnese con Vox. Os candidatos de ambas formacións á presidencia da Comunidade de  Madrid, Ignacio Aguado e Rocío Monasterio, reuníronse a menos de 48 horas para que se decida a presidencia da Asemblea, en que pretenden conformar unha mesa con maioría para a dereita. Os dous líderes reuníronse en privado, nun encontro ao que non tiveron acceso os xornalistas e que volveu crear disesións dentro do partido laranxa. Desta vez non houbo foto para a prensa, como si houbera nas negoaciacións abertas co PP. 

Ignacio Aguado, de Ciudadanos, e Rocío Monasterio, de Vox, optaron por unha reunión privada, só unhas horas antes de que mañá martes se decida a presidencia da Asemblea de Madrid, en que buscan unha maioría para a dereita. Antes da reunión, o candidato dos laranxas á comunidade madrileña expresaba a súa confianza en que esta semana chegará o cambio.

"O próximo sábado día 15 é o día límite para conformar concellos, para formar gobernos municipais e para que os españois, neste caso os madrileños, poidan ver que o cambio chega ás súas institucións da man de Ciudadanos", dixo Ignacio Aguado, aínda que as negociacións no Concello, onde os laranxas insisten na súa candidata, Begoña Villacís, non se presentan tan avanzadas.

Os de Abascal tentan facer valer a súa posición, imprescindible para unha investidura alternativa á de Gabilondo "porque quen teña interese en presidir a Comunidade de Madrid ten que adoptar o liderado desta negociaciójn e facer que todo o mundo que ten que ser socio nos próximos catro anos se sente nunha mesa como é lóxico e como é normal", explicou Rocío Monasterio.

A reunión desgustou a Manuel Valls, que di que está preocupado pola aproximación entre Ciudadanos e a extrema dereita. Respondeu tamén en Twitter o deputado Marcos de Quinto preguntándose polo apoio á extrema esquerda, en referencia ao apoio incondicional de Valls a Colau en Barcelona. A alcaldesa en funcións dixo que todos os apoios son benvidos, pero que o pacto de goberno na cidade condal se forxará só con forzas progresistas.

Noticias web

10/06/2019