CRTVG

Buscar

Ciudadanos votará a favor da prórroga do estado de alarma

Publicado o 02/06/2020 20:22

Ciudadanos porá este mércores os seus dez votos ao servizo da nova prórroga do estado de alarma. A cambio, o partido laranxa logra o compromiso do executivo de que as medidas que se apliquen na derradeira fase da desescalada sexan idénticas en todas as comunidades. O PP cre que Inés Arrimadas peca de inxenuidade.

Cayetana Álvarez de Toledo, voceira do PP no Congreso, di: "Paréceme que é un voto inútil e contrario ao proxecto orixinario de Ciudadanos. Contribúe ademais a branquear os que á súa vez branquean, neste caso, a Esquerra Republicana de Cataluña"

O executivo tranquilizou a Esquerra e o PNV asegurando que os pactos acadados con eles son compatibles co asinado con Ciudadanos. Insta o PP a votar a favor dunha prórroga que só pretende protexer a saúde e salvar vidas.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, fai un chamamento "a que cada grupo sexa consecuente, a que reflexione se o seu voto se está axustando a esta premisa ou se prefiren evidenciar ante a sociedade que teñen outro obxectivo"

Coa nova prórroga, ata o 21 de xuño, España completará máis de 3 meses baixo estado de alarma.

Noticias web

02/06/2020