Ciudadanos propón un tripartito en Ourense co PP e co PSOE

Ciudadanos propuxo hoxe como solución á crise municipal en Ourense un "goberno de concentración" formado polo PSOE, o PP e a formación laranxa, e liderado polo alcalde que saia elixido en voto secreto.
Así o trasladou esta mañá o edil José Araújo ao finalizar a reunión mantida con representantes do PP, á que non acudiu o PSOE, e reivindicou a súa proposta de moción de censura como a "única viable" nestes momentos.
Dende Ciudadanos ofrecen un "goberno de concentración" con tres propostas. A primeira é que os 18 concelleiros deses grupos voten de maneira secreta o alcalde. Deste xeito, desbotan que goberne o candidato da forza máis votada, é dicir, o PSOE.
As outras dúas propostas presentadas pasan porque as tres formacións -tendo en conta que o BNG se "descartou da proposta de goberno"- reparten os cargos en proporción á súa representatividade no que queda de mandato e, por último, que PP e PSOE roten na alcaldía.
Ciudadanos critica os seus hipotéticos socios de goberno e di que o PSOE "parece querer que siga gobernando Jácome", tras considerar un "grave erro" a súa ausencia da reunión. Insistien en que se un partido pretende liderar un goberno "ten que estar aberto ao diálogo".
Neste sentido, advertiu de que a moción de censura exposta a semana pasada polos socialistas é "un brinde ao sol" debido a que non se negociou "previamente nada" co resto de formacións.
Pola contra, o PSOE de Ourense cuestionou a través dun comunicado a "improcedencia de reunións sorpresa, adiviñas e golpes de efecto mediáticos".
"Non hai fórmula alternativa á moción de censura impulsada a pasada semana para retirar ao microgoberno de Pérez Jácome do Concello de Ourense", sostén o grupo socialista.
Ciudadanos "debe decidir se quere ser útil para Ourense facilitando o cambio e apoiando a moción ou se prefire seguir enredado en titulares baleiros" e converterse "nun apéndice do baltarismo e do PP", abundaron os socialistas.
Por este motivo, convidou á formación laranxa a apoiar a moción de censura que permita abrir "o diálogo" e así "dar un goberno útil á cidade".