CRTVG

Buscar

PP e Ciudadanos pídenlle á Eurocámara que revogue a decisión de recoñecer a Junqueras como eurodiputado

Publicado o 06/01/2020 17:59
PP e Ciudadanos pídenlle á Eurocámara que revogue a decisión de recoñecer a Junqueras como eurodiputado

A portavoz do PP na Eurocámara,  Dolors Montserrat, enviou unha carta ao presidente do Parlamento Europeo, David Maria Sassoli, para que revogue a súa decisión de recoñecer formalmente ao líder de ERC, Oriol  Junqueras, como eurodeputado. 

A 'popular' defendeu que a XEC é o "órgano lexítimo e competente" en España para dirimir as queixas e reclamacións que se expoñen, como a que iniciada, entre outros, polo Partido Popular, "motivou o citado acordo". Tendo en conta a lexitimidade do órgano competente, o PP pediu ao Parlamento Europeo que asuma e acepte, para os efectos legais e parlamentarios oportunos, o criterio da Xunta Electoral Central. "Inmunidade non é impunidade", sentenciou Montserrat.  

En todo caso, o PP asegurou que vai manter en todo momento "unha posición firme de respecto e defensa da legalidade e xustiza española e europea".

Pola súa banda, a delegación de Ciudadanos no Parlamento Europeo pediulle este luns que "respecte a actuación da Xustiza española" e revogue a decisión de recoñecer ao  ex-presidente da Generalitat Carles  Puigdemont, ao  ex-conseller Toni Comín e ao líder de ERC Oriol Junqueras como eurodeputados. 

"Pedímoslle que lea o informe xurídico que lle fixemos chegar a semana pasada e que conclúe que nin  Junqueras, nin  Puigdemont, nin  Comín poden converterse en eurodeputados de pleno dereito", expresou Luís  Garicano nun comunicado. En opinión do xefe da delegación da formación 'laranxa' trátase dunha situación "sen precedentes" na democracia europea na que o presidente do Parlamento estase " extralimitando" e "ignora" a decisión da Xunta Electoral Central sobre  Junqueras.

O eurodeputado de Ciudadanos tamén salientou que "feitos como os de hoxe erosionan a confianza no proxecto europeo e alentan o voto aos partidos populistas e nacionalistas que queren destruír a UE".