O PP rexeita a proposta de Ciudadanos de alternarse na alcaldía de Madrid
O Partido Popular e Ciudadanos están de acordo sobre como gobernar Madrid os próximos catro anos, pero non quen debe ser o alcalde. Os populares cualifican de ocorrencia a proposta de Ciudadanos dunha alcaldía rotatoria: dous anos para Martínez Almeida e dous para Villacís.
"Non entendemos como a obsesión do señor Martinez Almeida de sentar no Concello de Madrid durante catro anos pode botar por terra nestes momentos un bo programa de goberno", di Miguel Gutiérrez, de Ciudadanos.
"Chegamos a un acordo en propostas e non entendemos que a semana pasada eran catro anos de Villacís, hoxe dous anos de Villacís. Non sabemos se mañá nos pedirán os días impares para Villacís", apunta a popular Andrea Levy.
O PP defende que debe ser alcalde o seu candidato porque obtivo 83.000 votos máis ca a de Ciudadanos. A lei di que se non se acada a maioría absoluta para elixir alcalde na primeira votación, na segunda será elixido o da lista máis votada. Neste caso seguiría de alcaldesa Manuela Carmena, de Más Madrid.