CRTVG

Buscar

Ciudadanos e UPN irán en coalición ás eleccións xerais

Publicado o 12/03/2019 20:28

Ciudadanos e Unión del Pueblo Navarro irán en coalición ás eleccións xerais. Os de Albert Rivera compartirán de rebote listas nesa comunidade co PP, que a semana pasada reeditou pacto con UPN. Di Rivera que é un exemplo de acordo entre constitucionalistas.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Nun momento en que xogamos quen goberna o futuro de España, se o Goberno de España está en mans de Torra, de Otegi, de Puigdemont, de Rufián, nós queremos que o futuro de España estea en mans dos españois".

Podemos volverá ir ás urnas da man dos ecoloxistas de Equo. Gábanse de ser o único competidor sen lazos coa banca ou as eléctricas.

Noelia Vera, covoceira de Podemos: "É moi dificil que o Partido Socialista ou o Goberno saque adiante medidas contra a pobreza enerxética, por exemplo, se ten a compañeiros e compañeiras, deputados, ministros, sentados en consellos de administración".

O Goberno celebra que a xunta electoral non vete as súas conferencias de prensa, pero admiten que a precampaña obriga a modular o ton.

Isabel Celaá, voceira do Goberno: "Todo o mundo ten que sentirse ben tratado, igualdade de ferramentas, igualdade de armas para todo o mundo. Pareceume que o sensato era non falar de forzas políticas".

Pablo Casado promete reducir a cinco días os trámites para crear empresas e baixada ou supresión de impostos para atraer investimentos estranxeiros. E todo con efecto inmediato.

Pablo Casado, presidente do PP: "Non quero ser presidente para facer uso dos oropeis do poder. Dáme igual o avión, danme igual os pazos, que me aplaudan, que me insulten. Eu veño aquí a deixar os folgos por España. Que a xente teña claro que isto que digo ímolo facer custe o que custe".

Casado defendeu en Euskadi o concerto vasco porque dixo, é bo para España e está na Constitución.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/03/2019