CRTVG

Buscar

Citan a un cribado aos veciños de Bueu maiores de 15 anos

Publicado o 14/01/2021 18:01
Citan a un cribado aos veciños de Bueu maiores de 15 anos

Unhas dez mil persoas están chamadas a participar no cribado voluntario que de maneira preventiva organizaron as autoridades sanitarias no municipio pontevedrés de Bueu para detectar positivos asintomáticos.

Esta campaña está destinada, segundo avanzou Sanidade, aos 9.915 habitantes de Bueu que teñen máis de quince anos. As 8.167 persoas que teñen entre 15 e 70 anos serán testadas mediante mostras de saliva e ás 1.748 persoas maiores de 70 anos tomaránselles mostras  nasofarínxeas.

Para poder participar neste cribado as persoas que acudan ao momento de extracción non deberan dar positivo no últimos tres meses nin ser persoal de residencias, entre outros criterios, como ter centro de saúde asignado en Bueu.

O  cribado, que se desenvolverá en catro días —entre mañá venres e o luns 18—, será realizado por un equipo de trece profesionais coordinados por un médico. Todas as mostras tomadas en Bueu se procesarán no servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo e os resultados serán comunicados directamente aos usuarios.

A través desta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde pretende detectar o maior número de positivos asintomáticos posibles e reducir o número de contaxios neste municipio, un dos situados por Sanidade no nivel máximo de alerta pola incidencia da covid−19.