Citan 1.600 persoas de entre 40 e 49 anos para facer unha PCR en Cambados
Catro equipos de enfermería á mañá é tres á tarde farán probas PCR a 1.600 cambadeses. Dous gromos de coronavirus, un deles xurdido dunha comida familiar da que resultaron once contaxios, fixeron que durante a última semana fora subindo o número de positivos. Cambados ten hoxe 47 casos activos. Nunha poboación de 13.700 censados, supón unha incidencia de 342 por 100.000 habitantes.
"Seguimos a medra a día de hoxe e é preciso facer cribados naquelas marxes de idade onde se detectan máis novos casos, explica Tino Cordal, tenente de alcalde e concelleiro de Sanidade de Cambados.
"Se a incidencia segue a acumularse así, é posible que nos suban ao nivel máximo de restricións, o que suporía que Cambados permanecería pechado perimetralmente", engade.
O municipio limítrofe con Cambados, Vilanova de Arousa, está perimetrado e coa hostalaría pechada no nivel de restricións máximas. Por iso, polo contacto entre veciños do Salnés e polo aumento de positivos deseñouse este cribado de hoxe para adultos de entre 40 e 49 anos.
No concello de Barro, tamén da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o luns e o martes haberá outro cribado. Están chamadas a facer unha PCR 1.460 persoas de entre 30 e 64 anos.