CRTVG

Buscar

Citacións para 2023 nos Xulgados do Social da Coruña

Publicado o 16/12/2019 11:47
Citacións para 2023 nos Xulgados do Social da Coruña

O Colexio de Avogados da Coruña advertiu este luns da "grave" situación que atravesan os Xulgados do Social na cidade, con datas previstas de citacións para o ano 2023.

Nun comunicado, a entidade colexial sostén que "unha xustiza lenta non é xustiza, e isto é ao que se teñen que enfrontar os cidadáns da Coruña que teñen que acudir a ela".

A día de hoxe estanse recibindo citacións de xuízos para o ano 2023, un atraso que considera "desproporcionado ante a saturación que viven os xulgados e que non se está solucionando por parte da Administración".

Os casos que se tramitan nos Xulgados do Social son de índole cotiá, polo que afectan unha gran parte da cidadanía e "os traballadores inmersos en conflitos laborais teñen que esperar máis de tres anos en resolver situacións que afectan o seu traballo e fonte de ingresos", denuncia.

O Colexio de Avogados da Coruña tamén indicou que o xulgado de reforzo creado para atender os casos de cláusula de chan e reclamacións de gastos de hipoteca está "desbordado", o que cualifica de "paradoxo que mostra o punto ao que se chegou na falta de previsión da Administración".

A xunta de goberno do Colexio de Avogados da Coruña celebrou a semana pasada unha reunión de urxencia co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, para tratar este tema con el, e din que compartiu a preocupación do colectivo por esta situación.

Entre outras medidas para implantar para mellorar sensiblemente o atasco xudicial ao longo do próximo ano 2020, citou axilizar o funcionamento e resolver a pendencia de litixios no xulgado especializado en cláusulas bancarias, así como ampliar o reforzo nos xulgados do social.

"Algúns cidadáns afectados están pensando en interpoñer reclamacións de responsabilidade patrimonial contra a Administración de xustiza, solicitando indemnizacións por atrasos inxustificados que están a xerar prexuízos aos cidadáns", conclúe a entidade colexial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí