Circula drogado, sen carné, seguro, nin ITV e o seu fillo menor como pasaxeiro

Un home de 32 anos foi interceptado pola Garda Civil cando circulaba por Lalín sen carné de conducir e sen seguro no coche, coa ITV caducada e co seu fillo menor como pasaxeiro.
Este condutor, segundo explicou a Garda Civil, deu ademais positivo na proba indiciaria de drogas, un resultado que está pendente de confirmación por un laboratorio.
Os axentes sorprenderon a este home, veciño de Silleda, nun control de alcol e drogas que estaban a realizar na tarde de onte na estrada PO-534, ao seu paso polo termo municipal de Lalín.
Tras facerlle o test de detección de drogas, a Garda Civil comprobou que a ITV do coche que pilotaba estaba caducada desde 2015 e que non tiña o seguro obrigatorio para poder circular.
O home será investigado por un delito contra a seguridade viaria por conducir sen permiso, un feito polo que se enfrontará a penas de prisión de 3 a 6 meses, multa de 12 a 24 meses ou ata tres meses de traballos en beneficio da comunidade.
Os axentes denunciárono ademais por carecer do seguro, non ter a ITV en vigor e o positivo por drogas, o que lle supoñerá sancións por valor de 2.700 euros e a retirada de seis puntos do permiso de condución.