CRTVG

Buscar

Cinco veces máis contaxios diarios e case o dobre de casos que antes do Nadal en Galicia

Publicado o 14/01/2021 14:36

O día da lotaría adoita tomarse como o comezo do Nadal. Este 22 de decembro pasado había en Galicia 5.603 persoas infectadas con coronavirus, 357 delas hospitalizadas, e rexistrábanse 249 novos contaxios en 24 horas.

A día de hoxe, hai que contabilizar case o dobre de enfermos, e cerca de 200 máis ingresados no hospital, con 30 camas máis das UCI ocupadas. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse preto de 1.200 contaxios novos, o que significa case cinco veces máis que antes das festas do Nadal.

E o que é peor: nestes apenas 20 días morreron 134 persoas por esta doenza. A relación causa efecto está clara: a relaxación das dúas medidas de protección básicas fronte a esta enfermidade, as xuntanzas e a mobilidade explican, din os expertos, a situación actual.

Desde a Garda Civil de Tráfico, encargada de controlar o  cumprimento das restricións de mobilidade, o axente Héctor Teixeira apela a responsabilidade cidadá "para ocuparnos das emerxencias e non estar pendentes de cuestións de xente que non é responsable".

E a elas engádese a chamada fatiga pandémica. Segundo Pedro Rascado, responsable da UCI no CHUS de Santiago e membro do comité clínico que asesora o Sergas, unha das súas consecuencias probables nos últimos meses é "que lle perdamos o medo ou miremos para outro lado e non queiramos asumir que estamos nunha situación de risco, pero a realidade é esta: estamos nunha situación grave e preocupante".

Din desde o comité clínico que a responsabilidade individual é imprescindible, máis aló do que ditan as novas normas publicadas no Diario Oficial de Galicia, para conseguir frear o avance da doenza e evitar o colapso dos servizos sanitarios.

E desde a autoridade de tráfico, Teixeira advirte: "A pedagoxía xa a rematamos, xa levamos tempo suficiente para que todo o mundo saiba o que pode ou o que debe facer; hai medios para consultalo e quen estea onde non pode estar que saiba que a Garda Civil vai actuar e vai sancionar aquelas persoas que non cumpran".

Iso e a vacinación de cada vez máis segmentos da poboación serán as medicinas coas que contará a sociedade durante os vindeiros meses.

Noticias web

14/01/2021