Deteñen cinco persoas en Lugo nunha operación contra o tráfico de drogas
Nunha operación policial desenvolvida en Lugo contra o tráfico de drogas practicáronse, cando menos, cinco detencións. Catro vivendas de distintos barrios da cidade, a metade delas situadas na Milagrosa, foron rexistradas na procura de estupefacientes e doutras probas de actividades delituosas. Dáse a circunstancia de que todos os inmobles estaban ocupados de maneira ilegal. Na redada participaron varias unidades da Policía Nacional chegadas de reforzo, entre elas unha de cans adestrados para detectar drogas ou cartos.
"Saín pola mañá a sacar o can a pasear e vin que había como unha redada. Metérase nese edificio a policía. Non sei se era contra as drogas, porque non había cans nin nada, pero si había moita policía", conta un veciño do barrio lugués da Milagrosa.
Segundo puido transcender, os axentes levaban meses tras a pista dos sospeitosos. Catro deles encóntranse á espera de pasar a disposición da xustiza, mentres que unha quinta, unha muller, foi posta en liberdade con cargos. A operación continúa aberta, polo que podería ampliarse o número de persoas detidas nesta redada antidroga.