Cinco novos positivos na residencia de maiores de Chantada, xa con trece casos asintomáticos
A residencia de maiores DomusVi de Chantada conta xa con trece casos activos de coronavirus, tras daren positivo outros cinco usuarios. Do total de contaxios, once corresponden a persoas maiores, ademais de dúas traballadoras do centro que tamén están infectadas. Nun primeiro momento, sospeitouse que o gromo se iniciara a través do contaxio dunha coidadora, pero esa teoría perdeu peso ao comprobar que non estivera en contacto coa planta onde se deron todos os positivos.
Petri Rodríguez, directora da residencia de maiores de Chantada: "Cremos que o foco non ten relación con esa traballadora, xa que está todo localizado na cuarta planta, onde ela non estivo traballando. E, posto que os residentes son autónomos e poden saír, cremos que pode estar relacionado co último gromo que houbo en Chantada".
Dado que xa se lles administrara a pauta completa da vacina a todos os usuarios da residencia, os contaxiados permanecen asintomáticos e en bo estado. É dicir, nunha situación moi diferente á que se daría o ano pasado, antes de gozaren dunha inmunización fronte aos efectos da pandemia.
Petri Rodríguez, directora da residencia de maiores de Chantada: "O que nos trouxo a vacina foi que os efectos do virus sexan totalmente asintomáticos, o que nos supón unha tranquilidade relativa. Os controis son os que establece o protocolo, pero se non estivesen vacinados, coas patoloxías de base e coa idade que teñen, probablemente os efectos serían indesexables. Ou non estarían connosco ou estarían no hospital".
A residencia de maiores de Chantada alberga a día de hoxe preto de 190 usuarios.