CRTVG

Buscar

Sete mortos tras chocaren un helicóptero e un ultralixeiro en Mallorca

Publicado o 25/08/2019 21:02

Sete persoas morreron, entre elas dous menores, ao bateren no aire un helicóptero e un ultralixeiro en Mallorca. De momento descoñécense as causas do sinistro, que está a ser investigado pola Garda Civil e por Aviación Civil.

Ocorreu pasada a unha e media da tarde, no termo municipal de Inca, no centro da illa de Mallorca.
Os aparellos implicados son un ultralixeiro que saíra con dúas persoas a bordo do campo de voo de Binissalem, a pouca distancia; e un helicóptero, que partira do aeródromo de Son Bonet e levaba un tripulante e catro pasaxeiros, un matrimonio con dous fillos menores.

Catalina Cladera, presidenta del Consell de Mallorca: "Hai casas nesta zona e hai persoas que viron que foi unha colisión no aire e polo impacto vese que foi unha colisión no aire".

Non houbo superviventes. Os mortos no ultralixeiro son un valenciano, que o pilotaba, e un amigo seu. Os ocupantes do helicóptero eran estranxeiros: o piloto, italiano, e a familia, alemá.

María del Carmen Oses, primeira tenente de alcalde de Inca: "Nós, como concello, poñémonos á disposición para calquera necesidade que poidan ter os familiares das persoas que faleceron e os corpos de urxencias que están actuando".

O motivo polo que bateron as dúas aeronaves está a ser investigado pola Garda Civil e por Aviación Civil.

Isabel Castro, conselleira de Administracións Públicas das Baleares: "Neste momento temos que ser prudentes coa información porque está sometida a investigación xudicial".

Os restos das naves, que arderon ao caer, quedaron esparexidas en varias propiedades privadas. A presidenta das Baleares acudiu ao lugar do accidente e anunciou que van decretar tres días de loito.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019