CRTVG

Buscar

Cinco horas tardaron os bombeiros de Arteixo en rescatar unha cadela atrapada entre vigas

Publicado o 12/06/2019 18:18

Cinco horas tardaron os bombeiros de Arteixo e os servizos de urxencias de Culleredo en rescatar unha cadela que quedara atrapada entre os cascallos duns terreos abandonados en Culleredo. Un traballo laborioso para o que tiveron que empregar ata unha radial para cortar as vigas e facer un oco para poder acceder á cadela, que finalmente foi rescatada sen sufrir dano ningún.

Foi entre as vigas dos cascallos duns terreos abandonados próximos ao polígono de Alvedro en Culleredo onde varias persoas escoitaron os choros da cadela que levaba varias horas atrapada.

Ante a dubida de se a cadela estaba enganchada a algo ou ferida optaron por tentar cortar as vigas ata cunha radial.

Tras 5 horas de coidadoso e laborioso traballo conseguiron facer un oco polo que saíu a cadeliña. Tras comprobar que non tiña chip foi recollida polo servizo de lacería de Servigale e agora recupérase no centro canino do Consorcio das Mariñas, onde está a ser atendida ata que poida ser adoptada.

Un final feliz para unha cadela que, malia que aínda non ten nome, xa ten unha familia que a quere coidar.

Noticias web

12/06/2019