CRTVG

Buscar

Cinco galegos implicados na maior rede de narcotráfico e branqueo do Levante

Publicado o 27/09/2019 12:35
Cinco galegos implicados na maior rede de narcotráfico e branqueo do Levante

A operación Beautiful, que permitiu o arresto de máis de 40 persoas implicadas na maior rede do Levante español dedicada ao narcotráfico e ao branqueo de capitais, supuxo tamén a detención de cinco persoas en Galicia. 

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, dentro desta operación foron detidos veciños da Coruña, Betanzos, Culleredo, Vigo e Moaña por narcotráfico e branqueo de capitais. Está previsto que na xornada deste venres os arrestados pasen a disposición xudicial dentro da operación coordinada polo Xulgado de Instrución número 2 de Alacante.

O pasado mércores un cento de efectivos da Policía Nacional levaron a cabo numerosas detencións e un total de 13 rexistros en Alacante, Valencia, Madrid e Barcelona. A organización criminal estaba principalmente asentada en Alacante, aínda que contaba con "fortes ramificacións" ademais de en Galicia, en Madrid, Valencia, Murcia e Barcelona. 

Segundo a Policía Nacional, a rede criminal dedicábase ao tráfico de sustancias estupefacientes na Unión Europea e, de maneira paralela, branqueaba todas as súas ganancias con diferentes métodos e sistemas.

Ata o momento foron intervidos máis de 600.000 euros ocultos en diversos compartimentos no interior de varios domicilios, procedeuse ao bloqueo xudicial de máis de 600 contas bancarias e foron localizadas 300 propiedades valoradas en máis de 20 millóns de euros. Ademais, impútanselles operacións de branqueo superiores a 7 millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí