CRTVG

Buscar

Cinco estados dos EUA en que aínda contan os votos decidirán o resultado

Publicado o 04/11/2020 16:27
Cinco estados dos EUA en que aínda contan os votos decidirán o resultado

O resultado das eleccións presidenciais dos EUA depende de cinco dos 50 estados do país, que avisaron que necesitarán máis horas e mesmo días para contar todas as paleletas, debido en parte ao aumento do volume de voto por correo por mor da pandemia.

Estes son os cinco estados que, debido ao seu peso no Colexio Electoral, decidirán se o gañador é o actual presidente e candidato republicano, Donald Trump, ou se pola contra é o seu rival, o demócrata, Joe Biden, quen se fai coa vitoria.

Ademais, aínda se descoñecen os resultados definitivos para o Congreso, aínda que os republicanos parecen salvar o Senado e reducir a súa desvantaxe na Cámara Baixa ao contrario do que prognosticaban as enquisas, que daban aos demócratas o control total do Lexislativo.

Wisconsin

En Wiscosin, co 95 % escrutado, Biden só ten unha marxe duns 20.000 votos e miles de votos por correo seguen sendo procesados por máquinas que automatizan o proceso, pero que requiren o transporte das papeletas a eses centros.

Ás dificultades loxísticas deste proceso en vastos territorios como Wisconsin súmase a urxencia á que abocaron as acusacións de fraude de Trump, que pon en dúbida un reconto de voto por correo que nunca antes levantara as sospeitas dun inquilino da Casa Branca.

"Unha elección non termina cando un funcionario electo di que gañou, termina cando cada un dos votos se contaron", asegurou esta madrugada o gobernador do estado, o demócrata Tony Evers.

Se a diferenza ao peche do escrutinio é inferior ao 1 %, Trump podería solicitar un novo reconto de todos os votos, o que atrasaría aínda máis un resultado oficial.

Michigan

Doutra banda, co 92 % escrutado en Michigan, Biden lidera a votación cun 49,5 % dos votos fronte ao 48,9 % de Trump.

A secretaria de Estado de Michigan, Jocelyn Benson, encargada do cálculo, asegurou que espera ter unha imaxe "moi clara" dos resultados "nas próximas 24 horas" polo que pediu "paciencia".

En parte, o atraso en Michigan débese a que as localidades con máis de 25.000 habitantes tiveron que esperar ata o 2 de novembro para comezar a procesar as papeletas anticipadas.

Ademais, o cálculo prolongarase máis do esperado porque houbo un récord de participación con máis de 5 millóns de votos, dos cales 3,3 foron por correo e máis de 2 millóns nas urnas.

Deste xeito, superaría os 5 millóns de participación rexistrados en 2008 en Michigan nas eleccións que levaron ao presidente Barack Obama por primeira vez á Casa Branca.

Pensilvania

No vital estado de Pensilvania, co 75 % do escrutinio, Trump ten unha vantaxe de algo máis de 600.000 votos, pero máis dun millón de votos por correo quedan por incorporar ao reconto final.

Zonas tradicionalmente demócratas, Filadelfia e Pittsburgh, aínda ten que procesar varios centenares de miles de votos, polo que é de esperar que Biden recorte a súa desvantaxe.

Con todo, o proceso podería levar tempo. O condado de Allegheny, que inclúe Pittsburgh e as zonas residenciais do sur da cidade, anunciou este mércores pola mañá que suspendera o reconto de votos e que o retomará sobre a 13:30 hora local (18:30 GMT).

As autoridades locais dese condado, ademais, planean reunirse ás 10:00 hora local (15:00 GMT) para ver cales son os seguintes pasos.

Ademais, outros condados de Pensilvania dixeron que non comezarán o reconto de voto por correo ata este mesmo mércores pola mañá, a pesar de que a lei do estado permitíalles comezar na mesma mañá da xornada electoral.

De feito, Pensilvania permite que os votos enviados antes da xornada electoral sexan contabilizados ata tres días despois do día das eleccións, polo que moitas papeletas poderían non entrar no escrutinio ata finais da semana.

Con todo, ao longo do mércores o reconto podería avanzar e formar unha foto máis clara da configuración dos votos e posiblemente, mesmo dar a Biden vantaxe fronte a Trump.

Xeorxia

Xeorxia é un estado tradicionalmente republicano e onde un demócrata non gaña desde 1992, pero esta vez a contenda parece máis apertada debido a un posible aumento da participación de  afroamericanos en favor de Biden.

Co 94 % escrutado, Trump lidera o reconto cun 50,5 % do voto, mentres Biden acumula o 48,3 %, aínda que aínda quedan por contar as zonas máis demócratas do estado, especialmente os condados da cidade de Atlanta e as zonas residenciais que a rodean.

No condado de Fulton, o máis poboado do estado e predominantemente demócrata, á 00.30 hora local (5:30 GMT), cinco empregados estaban no estadio State Farm, que funciona como centro electoral, aínda contando as papeletas que se depositaron por adiantado, segundo a portavoz do condado, Regina Waller.

O problema foi que, o martes pola mañá, unha tubaxe de auga rebentou, o que provocou un atraso de dúas horas no reconto, segundo as autoridades do condado, que aseguran que ningún voto viuse prexudicado.

Nevada

Nevada é outro dos estados que se considera clave para o resultado, aínda que ningún candidato republicano á Presidencia o conquistou desde 2004.

Cun 83 % escrutado, Biden lidera o reconto cun 49,3 % dos votos fronte a Trump, que acumula 48,7 %, apenas 8.000 votos.

O mércores pola mañá, as autoridades electorais do estado avisaron de que non comunicarán máis resultados electorais ata as 9.00 hora local (17:00 GMT) do xoves.

Aínda non se empezaron a contar as papeletas que chegaron antes da xornada electoral, o que podería favorecer a Biden, xa que se espera que os demócratas votasen por adiantado en maior proporción que os republicanos.