CRTVG

Buscar

Cinco dos detidos na Operación Mansalva, ingresados no cárcere da Lama

Publicado o 15/08/2019 14:11

Pasaron a noite no cárcere da Lama cinco dos detidos na operación contra o narcotráfico que se desenvolveu esta semana en Arousa, e que arestora xa está pechada. Presuntamente están relacionados con media tonelada de cocaína, comisada en dous alixos detectados en Valencia e Portugal. En total en Galicia prenderon once persoas. 

Co paso a disposición xudicial dos detidos en Arousa quedou pechada a operación Mansalva no que respecta ás actuacións da Garda Civil de Pontevedra. O mércores á noite os xulgados de Vilagarcía mandaron á cadea a cinco deles, entre os que está o presunto líder, que vinculan co clan coñecido coma dos Burros. Acúsanos a todos de dous delitos, un contra a saúde pública e outro de pertenza a organización criminal. Unha sexta persoa que declarou en Vilagarcía quedou en liberdade con medias cautelares. Outro que pasou a disposición xudicial en Cambados está libre tamén.

A investigación lévaa un xulgado de Valencia. Alí atoparon o primeiro alixo: 300 quilos de cocaína ocultos no dobre fondo do remolque dun vehículo. Pouco despois deron con outro de 200 quilos en Portugal, agochado do mesmo xeito. Prenderon, nuha primeira fase, tres persoas, dúas no Levante e outra no país veciño. Pero faltaban os líderes da presunta organización criminal. Así saltou a Mansalva a Galicia, onde houbo once detencións.

Os rexistros desta semana en Vilagarcía, Vilanova e Cambados destaparon a maiores unha plantación de marihuana e neles ademais incautáronse de sistemas de telecomunicacións, vehículos con dobre fondo e cartos en efectivo.

Noticias web

15/08/2019