CRTVG

Buscar

Dan positivo ao chegar a Valencia cinco dos 21 rapaces galegos evacuados de Mallorca

Publicado o 01/07/2021 21:03

• Os resultados do test de antíxenos atrasa o dispositivo de regreso a Galicia | Os mozos madrileños negáronse a facer a proba e continuaron viaxe | Tamén deron positivo oito andaluces

Tiñan previsto saír de Valencia este xoves ao serán pero a situación complicouse. Os 21 rapaces galegos evacuados á península desde Mallorca en barco sometéronse voluntariamente a un test de antíxenos nas instalacións portuarias.

Cinco deron positivo en covid−19 e nesa circustancia o protocolo fixaba que viñeran de volta a Galicia en ambulancia. Os 16 compañeiros que deron negativo volven en autocar. É un traxecto longo, entre 12 e 14 horas, que está previsto que remate nas localidades de orixe dos rapaces: Arteixo e Vimianzo.

O grupo de galegos viaxou en barco con 20 adolescentes madrileños e 77 andaluces, todos eles illados do resto da pasaxe. Os autocares contratados polas tres comunidades autónomas accederon á adega do barco para recollelos dentro. Despois, leváronos ata a carpa instalada pola Consellería de Sanidade de Valencia. Os vinte mozos madrileños negáronse a facer o test de antíxenos e continuaron a viaxe.

Cando estean na casa os adolescentes deberán completar a corentena que iniciaron no hotel da illa balear. Antes de coñecerse estes cinco positivos o gromo que se orixinou nas viaxes de fin de curso a Mallorca deixaba en Galicia un balance provisional de 157 infectados e máis de medio milleiro de persoas en corentena. 

A viaxe a Valencia

Os 118 estudantes que esta mañá partiron de Mallorca no buque Sicilia de Baleària, tras estaren confinados no hotel ponte Palma Bellver, chegaron sobre as 17:00 horas deste xoves ao porto de Valencia, para partir finalmente a cadansúas comunidades autónomas.

O dispositivo de traslado púxose en marcha ao redor das 7:00 horas desde o hotel ponte á estación marítima de Palma con autobuses. O traslado cóbreo o Govern e é gratuíto para os mozos. Tras a viaxe nunha planta do barco exclusiva para eles, os mozos (77 andaluces, 21 de Galicia e 20 da Comunidade de Madrid) chegaron ao porto de Valencia sobre as 17 horas, algúns deles asomados, saudando desde o barco e tomando imaxes do momento.

No porto, recibiunos un dispositivo coordinado pola Generalitat, con medios despregados polas tres comunidades autónomas de onde son orixinarios os estudantes. Primeiro descendeu do barco a pasaxe ordinaria do transbordador. Despois, para evitar calquera tipo de contacto cos estudantes, os vehículos fretados polas tres autonomías entraron dentro do buque para recoller os mozos e levalos, escoltados pola Policía Nacional, ata unha zona de carpas habilitada, onde se lles fixeron tests de antíxenos, conforme xestionou cada comunidade autónoma.

Desde alí, os estudantes subiron aos medios de transporte mobilizados polas comunidades autónomas: sete autobuses no caso de Andalucía, un no de Madrid e outro de Galicia, para pór rumbo aos seus lugares de orixe. O dispositivo, reforzado por unha ampla despregadura de forzas de seguridade, tiña previstas solucións por se se daban casos positivos que necesitasen viaxar illados do resto.

No caso de Andalucía, contaban con autobuses para positivos. Galicia mobilizou unha ambulancia. Pola súa banda, a Generalitat instalou unha carpa medicalizada e mobilizou tres ambulancias con persoal de apoio e un equipo de especialistas en saúde pública, por se fose necesario dar apoio sanitario.

Noticias web

01/07/2021