CRTVG

Buscar

Cinco detidos en Poio por retirar 100 quilos de ameixa

Publicado o 26/02/2019 20:11

Desartellado un novo grupo organizado de furtivos en Poio. Malia que a investigación continúa aberta, xa detiveron polo menos cinco persoas. En só unha media hora, arrasaban ilegalmente con máis dun cento de quilos de ameixa xaponesa, que xa se devolveron aos areais de Combarro.

Xa están de volta nos areais pontevedreses de Combarro, en Poio, 101,18 quilos de ameixa xaponesa. Case a metade, 48,56 quilos de bilvalvo, aínda non tiñan o tamaño regulamentario.

Fernando M., voceiro dos Gardas Rurais de Pontevedra: "Neste caso, a metade da ameixa non daba a medida mínima, polo que é un prexuízo para a flora e a fauna da confraría".

Prexuízo que viña de mans dun grupo que esgotaba bancos marisqueiros no municipio pontevedrés de Poio, unha banda organizada que acaba de ser desartellada. Malia que a investigación continúa aberta, xa hai confirmadas cinco detencións.

Fernando M., voceiro dos Gardas Rurais de Pontevedra: "O que fixemos foi dar parte á Policía Autonómica e montamos un dispositivo para poder capturar estas persoas... Estivemos vendo cal era o seu modus operandi, e comprobamos que tiñan un coche que os agardaba para fuxir coas capturas. Estabamos agochados e deixamos que cargaran ben a saca. Despois comprobamos que metían o marisco no coche e se ían... Logo a Policía Autonómica xa procedeu a detelos preto de Pontevedra".

Gardas rurais da confraría pontevedresa de San Telmo, tras levar tempo seguíndolles a pegada, comprobaron coma catro furtivos esgotaban, de madrugada, na zona da Seca, como logo trasladaban por terra, nun vehículo de alta gama conducido por unha quinta persoa, o bivalvo extraído ilegalmente e como fuxían, para proceder a detelos a Policía Autonómica da cidade do Lérez, e trasladalos á Xefatura de Pontevedra para declaración policial e futuro paso a disposición xudicial.

Amais da detención por presuntos delitos de furtivismo e pertenza a grupo organizado, dos catro furtivos e da condutora, os axentes tamén comisaron o vehículo e amais do marisco, os aparellos empregados para subtraelo.







 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2019