CRTVG

Buscar

Cinco das sete cidades galegas, en alerta vermella por unha incidencia alta da covid-19

Publicado o 23/10/2020 21:16

Desde marzo non houbera en Galicia ningún día con tantos contaxios, máis de 500. Aumentan en todas as áreas sanitarias, agás na de Ourense. Xa hai vinte e oito concellos en nivel 3 de alerta, entre eles cinco das sete cidades grandes de Galicia: Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago. En Compostela, as duras restricións, reduciron pero non acabaron coas festas en pisos. Na noite do xoves ao venres a Policía Local detectou catro.

"É realmente sorprendente que no escenario en que estamos a alguén se lle ocorra montar unha festa", dixo o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A escalada de contaxios avanza. Traspasa a capital galega e pon en alerta os concellos limítrofes, onde tamén repuntan os casos. Situación que xa se vivía no Milladoiro e agora en Teo. O alcalde, Rafael Sixto, pedíalles aos veciños que invistisen a súa creatividade, non en saltar as normas, aínda que poidan ser imperfectas, senón en colaborar para frear a pandemia.
As cidades da Coruña e Vigo están algo mellor, pero tamén aumentan os contaxios e xa están en alerta laranxa. Preocupan as fins de semana cando se detectan unha maior relaxación no cumprimento das normas anticovid. Os concellos reforzarán a vixilancia. O alcalde de Vigo, Abel Caballero pedíalles aos cumpridores que seguisen sendo prudentes, aínda máis na fin de semana, e aos incumpridores advertíalles que os van coller e multar.

Na área sanitaria de Vigo xa están en alerta vermella por incidencia alta do virus Nigrán, Cangas, Tui e Salvaterra de Miño.

Noticias web

23/10/2020