CRTVG

Buscar

Estas son as limitacións por concellos en vigor dende hoxe

Publicado o 26/04/2021 11:00
Estas son as limitacións por concellos en vigor dende hoxe

A Xunta de Galicia decidiu o pasado vernes, tras a recomendación do subcomité clínico que asesora a Sanidade na xestión da pandemia, o establecemento, a partir do luns, do nivel máximo de restricións (1) no concello de Vilanova de Arousa. Neste chanzo permanecerán Carballeda de Valdeorras, Cualedro, A Pobra do Caramiñal e O Grove.

Os cinco concellos en nivel máximo

Vilanova de Arousa entrou no nivel máximo de restricións. A incidencia acumulada no muncipio a 14 días está en 350. Pecha perimetralmente o municipio, prohíbense as reunións de non conviventes e pecha tamén a hostalería. Regresar a esa situación recíbeno con cansazo e resignación.

En nivel máximo de restricións está tamén O Grove. Leva así desde o 9 de abril, máis de quince días sen experimentar apenas melloría. Nesta vila, que depende en gran medida do turismo e da hostalería, moitos son os que temen que o peche se prolongue.

A Pobra do Caramiñal chegou a rexistrar este mes de abril unha incidencia acumulada a catorce días de máis de cincocentos casos. Mentres non se levanten as medidas restritivas, a hostalería e o comercio tamén se están a resentir.

En Cualedro espállase o desánimo tras unha nova repunta de casos. A incidencia acumulada a 14 días está nuns 1.300 casos por 100.000 habitantes.

Contan tamén cunha incidencia acumulada moi alta en Carballeda de Valdeorras. Alí entran agora na súa terceira semana de máximas restricións. Coa hostalería pechada e sen poder saír do concello, a fatiga pandémica déixase notar. Este concello de case 1.600 veciños librou bastante ben da primeira e a segunda vaga. Agora hai 12 positivos (a catorce días), e chegou a haber 23.

Niveis alto e medio

Do mesmo xeito, determinou incorporar ao nivel alto de restricións (2) os concellos de Petín, Meis, Ribadumia e Ponteareas, onde continuarán Lobeira, Muíños, O Barco de Valdeorras, Meira, Ribeira, Cambre, Marín e Meaño.

Ademais, as medidas do nivel medio (3) rexerán nos concellos de Cartelle, Lobios, Cortegada, Padrenda, Verín, Barreiros, Chantada, Trabada, Boiro, Rianxo, Carnota, Carral, Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio, Sanxenxo, Cangas, Gondomar e Vigo.

No resto dos municipios galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio-baixo (4). A este grupo sumaranse, a partir do luns, Cambados, Muxía, Ortigueira, Rubiá e As Pontes de García Rodríguez.

Todas estas medidas están en vigor dende as 00:00 horas deste luns, 26 de abril.

Concellos con evolución desfavorable

Algúns concellos presentan unha evolución negativa, sobre todo polo forte impacto que teñen uns poucos casos en municipios de poboación poboación. Esta evolución percíbese ao contrastar a incidencia a 14 días coa incidencia a 7, parámetro de referencia de Sanidade.

Son bastantes os concellos nesta situación, aínda que destacan os de Mesía, Verea ou Muíños, que superarían o limiar dos 250 casos por 100.000 habitantes a sete días.

Cunha evolución negativa, pero niveis menores están concellos como os de Cervantes, A Gudiña, Láncara, Paradela, Chantada, Coristanco, Carnota, Padrón, Ames, Salceda de Caselas, Tui ou Calvos de Randín. Polo de agora, sen exceder a cifra calve a sete días dos 250 casos por 100.000 habitantes.

Podes consultar a situación do teu concello máis polo miúdo aquí.

Noticias web

26/04/2021