CRTVG

Buscar

Cinco concellos do Salnés e o de Ortigueira teñen restricións especiais

Publicado o 05/10/2020 15:07

Noutras dúas áreas sanitarias de Galicia tamén seguen en vigor as restricións especiais pola súa taxa de incidencia da covid−19. Hai límites de ocupación e condicionamentos ás reunións sociais en cinco concellos do Salnés e mais no de Ortigueira. 

O último dato sobre a taxa de incidencia acumulada en Ortigueira é de 158 casos por 100.000 habitantes, unha taxa que nos últimos días chegou a cuadruplicar a media de Galicia. Este é un concello pequeno, de menos de 6.000 habitantes, e os esforzos céntranse agora en dobregar a curva de contaxios, vinculada a reunións familiares e de amigos e que xa ocasionou unha vítima mortal, unha muller de máis de oitenta anos que presentaba patoloxías previas. 

Con dúas decenas de casos activos no último reconto e máis de 60 persoas confinadas de xeito preventivo, o gromo de Ortigueira mantense estable, no medio do endurecemento das restricións. A incidencia neste pequeno concello obrigou a limitar a capacidade e a restrinxir as reunións de familiares e amigos.

No Concello solicitan que dentro do respecto á confidencialidade, as forzas de seguridade teñan os datos necesarios para poder controlar que se cumpren os confinamentos. Na vila cren que o foco puido orixinarse no verán, a época turística, e permanecer latente en asintomáticos ata agora. A boa noticia é que as aulas pechadas reabren mañá, despois de daren negativos en PCR todos os alumnos.

En Cambados entraron en vigor o venres pasado as mesmas restricións de nivel 2 de Ortigueira. Ocupación ao 50 % e máximo de dez persoas en reunións sociais.

O gromo vinculado á planta de produción avícola mantense nun cento de positivos.

Houbo casos dun só contaxiado da planta de Cambados que contaxiou ata nove persoas do seu núcleo familiar.

Noticias web

05/10/2020