CRTVG

Buscar

O gromo do Barco iniciado no transporte escolar deixa cinco aulas pechadas

Publicado o 24/09/2021 15:13

Ás portas do colexio de infantil e primaria Condesa de Fenosa, pais que acoden a buscar ou a deixar os seus fillos tras levalos a facer unha PCR.

Con 19 positivos e 5 aulas pechadas, este centro concentra a maior parte dos contaxios que hai neste intre no Barco de Valdeorras. Trátase dun gromo que, segundo o Sergas, tivo a súa orixe no transporte escolar. 

O centro conta con máis de 300 alumnos, a inmensa maioría menores de 12 anos e polo tanto sen vacinar. Agardan que o cribado que se está a facer permita frear a cadea de transmisión do virus e recuperar canto antes a normalidade.

Non é o único centro escolar afectado na vila. Dos 42 casos activos que hai neste intre no concello do Barco, 23, é dicir, máis da metade, corresponden a menores de 15 anos e a cifra aínda podería aumentar cos resultados do cribado. O Barco de Valdeorras subirá este sábado a nivel medio de restricións, igual que o de Foz, polo incremento de contaxios ligados ao ámbito escolar.

 

 

Noticias web

24/09/2021

Máis sobre O Barco de Valdeorras