CRTVG

Buscar

Cinco anos sen noticias dos asasinos do párroco de Vilanova dos Infantes

Publicado o 10/03/2020 18:53

Hoxe fai cinco anos do asasinato do párroco de Vilanova dos Infantes, no concello ourensán de Celanova, e os responsables da súa morte seguen libres. Tampouco apareceu a imaxe da Virxe do Cristal, o botín que levaron os asasinos.

Unha rosa vermella na caixa do correo lembra a don Adolfo: "Deixou o pobo triste, orfo. Xa non somos os que eramos. Máis ca un párroco era un veciño máis, un amigo, unha persoa de confianza", di unha veciña.

A casa reitoral de Vilanova dos Infantes leva cinco anos pechada, desde que o párroco aparacera brutalmente asasinado, co corpo cheo de golpes. Un episodio que os veciños aínda non lograron superar: "Para o pobo foi un desastre, foi un martirio, porque era un home que non podía ser mellor, para os pobres, para o pobo, para todo". "Don Adolfo era unha persoa moi querida polos veciños e, sobre todo, por moita xente á que axudaba". "Que se soubera que foi o que pasou, como, en que circunstancias, pero é moi difícil. Se os investigadores non chegaron a máis, os paisanos que imos dicir".

Nestes cinco anos, a investigación tivo o seu momento álxido coa detención de dous cidadáns croatas que quedaron en liberdade por falta de indicios. O caso arquivouse á espera de novos fíos dos que tirar.

José Manuel Enríquez, sobriño do párroco asasinado: "E a familia non quere un inocente no cárcere, prefire un culpable na rúa, pero si quere xustiza".

Sospéitase que os asasinos de Adolfo Enríquez buscaban esta talla, a Virxe do Cristal, unha diminuta imaxe do século XVII que o párroco custodiaba e que nunca máis apareceu.

José Manuel Enríquez, sobriño do párroco asasinado: "De certo valor, máis que económico, relixioso. Pero unha talla de patrimonio histórico que tamén require atención e que, a día de hoxe, eu creo que ninguén se persoou a denunciar a desaparición".

O xoves, oficiarase na igrexa parroquial unha misa de aniversario, e o sábado na igrexa do Cristal. Pretenden manter vivo o recordo de don Adolfo para que o seu crime non quede impune.

Noticias web

10/03/2020