CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Cinco anos do asasinato da nena Asunta

Publicado o 21/09/2018 21:16

Hoxe é o quinto aniversario do asasinato de Asunta Basterra, un crime que conmocionou a opinión pública. A nena, de 13 anos, morreu asfixiada. Os seus pais adoptivos, Alfonso Basterra e Rosario Porto, foron conenados en sentenza firme a 18 anos de cárcere cada un.


Segundo a autopsia, Asunta foi asasinada a tarde do sábado 21 de setembro, de 2013. O cadáver apareceu á madrugada seguinte nesta pista forestal do concello de Teo, a poucos quilómetros dunha das casas da familia.

Alfonso Basterra e Rosario Porto pasaron en poucas horas de pais desconsolados pola morte da filla a sospeitosos de matala. Tras a incineración da nena, ao saír do tanatorio, a primeira detención: a da nai, que incorrera en múltiples contradicións na súa declaración.

Ao día seguinte, coas probas recadadas no rexistro da casa familiar de Cacheiras, o xuíz instrutor, Vázquez Taín, ordenaba a detención de Alfonso Basterra. Decretaba para ambos os dous prisión, primeiro imputados por homicidio e máis tarde, por asasinato.

O xuízo oral comezou en setembro de 2015, e conclúe que o crime de Asunta foi un plan premeditado entre os dous pais e executado de xeito gradual. Queda probado que lle subministraran sedantes durante meses, e que foi así, sedada, como a asfixiaron.

Foron condenados a 18 anos de cadea cada un, declarados coautores dun delito de asasinato con aleivosía e agravante de parentesco. Malia que recorreron contra a sentenza, hoxe xa está ratificada polo Tribunal Supremo.

Dende a súa detención en 2013, Alfonso Basterra segue preso no cárcere de Teixeiro e Rosario Porto foi trasladada o ano pasado ao centro penitenciario da Lama, en Pontevedra.

Telexornal Serán

21/09/2018