CRTVG

Buscar

Científicos do CiMUS de Santiago participan na investigación que descifra o xenoma do cancro

Publicado o 06/02/2020 14:42

A maior investigación xenómica sobre o cancro en todo o mundo está coliderada por un grupo de científicos galegos e acaba de dar un importante resultado.

O descubrimento supón un salto cualitativo no coñecemento do ADN tumoral. No achado participaron os científicos do CiMUS, de Santiago de Compostela, liderados polo doutor Xosé Tubío. O descubrimento podería ter unha aplicación práctica sorprendente e revolucionaria: podería ata permitir detectar o cancro antes de que se produza. 

É unha noticia de alcance internacional, que ten como protagonistas un grupo de científicos galegos. Hoxe o seu director atende os medios mentres acaba de asimilar o 'Eureka' que os levou á portada da revista 'Nature'. 

"Ter toda esta recompensa que ata o ministro de Ciencia nos felicitou esta mañá pois a verdade é que nos emociona bastante", explica Xosé Tubío, director do grupo Xenomas e Enfermidade.

Esencial, memorizar unha palabra: retrotransposóns. O ata hai pouco considerado ADN lixo. "É un tecnicismo que utilizamos no noso campo. A min gústame máis definilos como xenes saltaricos", di Tubío.

A través deses xenes saltaricos sabemos agora que o cancro se manifesta ata décadas antes de dar a cara. Atopáronse esas pegadas xénicas en 38 tipos de cancro. Un éxito que o director do grupo galego fai extensivo a todos os que colaboraron coa investigación. 

"É un orgullo situar Galicia no panorama internacional, saber que colaboramos con 14 países e que máis de 3.000 pacientes cedesen datos foi fundamental", afirma Alicia Bruzos, alumna de doutoramento e unha das investigadoras máis novas do grupo de traballo.

O éxito é indubidable, pero o traballo continúa. Precísase agora a análise de 100.000 pacientes, procesadores máis potentes e financiamento. Coa satisfacción de reverter á sociedade todos os esforzos e cartos investidos na loita contra unha das enfermidades que provoca máis dor.

"Énchenos moito de orgullo saber que algún día esta investigación, estes descubrimentos que fixemos, van servir para curar pacientes. Estou convencido", di Tubío.

Noticias web

06/02/2020