CRTVG

Buscar

Chuvia de formigas e farrapos de barro no luns borralleiro de Laza

Publicado o 04/03/2019 21:40

O luns borralleiro, como marca a tradición, espertou en Laza con ganas de batalla e con moita munición a base de trapos, retallos e lama. É a farrapada, unha das guerras máis particulares e ancestrais de cantas se celebran. Non hai quen se libre, e xa saben, cando se trata de pasalo ben, pouco importa empaparse de lama. Iso si, cómpre tamen ir debidamente vestidos para ocasión.

Coa farrapada comezaron as celebracións do luns borralleiro, unha data marcada a vermello no calendario de Laza. Pero a troula non acabou aí. Pola tarde celebrouse a cita máis multitudianria e anárquica do luns borralleiro: a baixada da Morena de Cimadevila e o lanzamento das formigas aos visitantes na praza da Picota. Resulta difícil explicar o ambiente que se vive hoxe nesta vila ourensá, pero o certo é que, ano tras ano, son quen de recrear case sen variación unha das súas tradicións máis ancestrais e con máis sona, que mesmo chegou xa a traspasar as nosas fronteiras.

Agarda a multitude na praza da Picota dende horas antes da baixada da Morena. Saben do lugar pero mesmo a hora é aproximada. O Entrpoido é libre e, como tal, non sabe de horarios. Disque chegan entre lusco e fusco. Como cada ano a comitiva irrompe dende Cimadevila entre os asistentes, que lonxe de escapar do lanzamento da fariña e as formigas, tentan achegarse entre a ledicia e os nervios.

Todo pasa en apenas minutos. A festa segue mañá dende ben cedo coa saída dos peliqueiros veteranos e xa contra a noitiña coa lectura do testamento do burro. Será o momento de dicirlle adeus ao Entroido ata o vindeiro ano, ou máis ben de contar o que queda para que comece o próximo.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/03/2019