Christian Sendón, aos 19 anos: sancristán, campaneiro, árbitro e futuro enxeñeiro
Desde que ten uso de razón, Christian Sendón colabora na súa parroquia de San Martiño de Castrelo, en Vimianzo. Empezou axudando na misa e logo como sancristán. E cando o campaneiro non tivo remuda non dubidou en aprender o oficio para que non se perdese porque considera que é un medio de comunicación fundamental nunha aldea.
A pesar da súa mocidade, a Christian nunca lle supuxo sacrificio erguerse os domingos para tocar á misa, ou deixar outras tarefas porque había un defunto ou un funeral.
Christian é quen de compaxinar tradición e modernidade. Á vez que exerce de campaneiro, xogou ao fútbol de porteiro no Soneria e desde hai un par de anos é arbitro. E todo isto mentres estuda segundo de Ciencia e Enxeñaría de Datos na Universidade da Coruña. E aínda lle queda tempo para colaborar con Cáritas de Vimianzo.