CRTVG

Buscar

Choque no Congreso entre Sánchez e Casado polos casos de corrupción

Publicado o 16/09/2020 14:46

O PP abriu esta mañá a sesión de control ao Goberno inquirindo a Sánchez sobre recortes sociais, pero axiña tornou nun debate sobre a corrupción. 

Pablo Casado acusouno de facer recortes "non só no estado de benestar, tamén no estado de dereito usando a Fiscalía Xeral de comisaria política para evitar a investigación do financiamento irregular do seu vicepresidente". A resposta do presidente non se fixo agardar. "O único recorte que necesita a política en España é recortar a corrupción do PP", contestoulle Pedro Sánchez.

A partir de aí, dedicáronse a lanzarse reproches. "O que ten un vicepresidente cuxo partido está investigado por financiamento irregular é vostede. Díganos se é imputado o señor Iglesias ou unirá o seu destino a el?", dixo o presidente do PP.  E Sánchez contratacaba: "Se vostede quere demostrar que o PP de Pablo Casado non é o PP de Rajoy ou de Aznar, ten que demostralo. E demóstrase cumprindo coa lei e a Constitución, non bloqueando e renovando o Consello Xeral do Poder Xudicial".

Tamén a líder de Ciudadanos, lle preguntou a Sánchez que vai facer se imputan finalmente o señor Iglesias e por que o PSOE bloquea a comisión de investigación sobre o financiamento de Podemos. "A corrupción hai que combatela sempre", díxolle Inés Arrimadas. Pero Pedro Sánchez volveu insistir en que "o compromiso do Goberno de España coa rexeneración democrática é claro, absoluto e meridiano".

Tensión tamén entre Vox e o ministro do Interior á conta das palabras do presidente sobre a morte do preso etarra Igor González. Para o deputado Ignacio Gil Lázaro, "o pésame do señor Sánchez foi un acto vomitivo e miserable". Para Fernando Grande-Marlaska "dentro do humanismo non cabe aledarse do suicidio de ningún interno en prisión".

Tamén saíu o tema da ocupación de vivendas. Para Iglesias, non é ese o problema, senón a especulación e os alugueiros abusivos.

Noticias web

16/09/2020