CRTVG

Buscar

Chivite pide confianza no seu pacto para Navarra ante as críticas da dereita

Publicado o 01/08/2019 17:05

A candidata do PSN á presidencia de Navarra, María Chivite, pediu este xoves confianza no Goberno que espera liderar, a pesar dos "receos" que poida xerar, e fixo varios chamamentos ao consenso entre os partidos navarros para atender os problemas dos cidadáns. Os seus chamamentos, con todo, non foron ben recibidos nos partidos que integran a coalición Navarra Suma ( UPN, Ciudadanos e PP), que non dubidaron en cualificar este acordo de goberno como "o pacto da vergoña", unha "traizón" a Navarra e a España, e un entendemento con "amigos de ETA", en alusión á anunciada abstención de Bildu.

Chivite foi a encargada de abrir esta sesión de investidura cun discurso dunha hora de duración no que fixo numerosos chamamentos ao diálogo e o consenso entre os partidos, respectando as súas diferenzas, ao ser Navarra, dixo, unha terra plural.

A candidata, quen conta para ser investida co apoio de PSN, Geroa Bai, Podemos e Esquerda- Ezkerra e a abstención de parte do grupo de Bildu, afirmou que se trata de "un acordo entre a esquerda e o nacionalismo que non é novo nin en España nin en Navarra, porque xa se dá noutras institucións e demostrouse eficaz cando os actores están na centralidade política". Unha centralidade, dixo, "que reflicte a pluralidade pero que sabe deixar ao carón as diferenzas, lexítimas en democracia, para antepoñer cuestións de calado progresista que responden a unha sensibilidade social maioritaria".

Noticias web

01/08/2019