CRTVG

Buscar

A China anuncia represalias pola suba de aranceis anunciada por Donald Trump

Publicado o 02/08/2019 13:07

A China rexeitou este venres a suba de aranceis anunciada polo presidente dos Estados Unidos, Donald  Trump, e anunciou que "haberá represalias" para "defender os seus intereses", aínda que non especificou en que consistirán.

"Rexeitamos esta medida que rompe co compromiso alcanzado polos líderes dos dous países no pasado cumio do G-20 celebrada en Osaka. Se os Estados Unidos poñen en marcha estes aranceis, A China terá que tomar as contramedidas necesarias para salvagardar os seus intereses lexítimos e os EUA terán que asumir as consecuencias", dixo hoxe o Ministerio de Comercio nun comunicado.

A portavoz do Ministerio de Exteriores chinés Hua Chunying acusou os Estados Unidos de "chantaxear" e "intimidar" con esta medida, ao que engadiu que "A China non negociará baixo presións" e que é necesario "respecto mutuo" para que as negociacións vaian a bo porto.

Trump anunciou onte, só un día despois de que concluíse sen acordo unha nova rolda de conversas bilaterais, a imposición de novos aranceis do 10 % sobre importacións chinesas valoradas en 300.000 millóns de dólares a partir do próximo 1 de setembro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/08/2019