Chegan outros 120 inmigrantes ás costas canarias
É a embarcación en que esta madrugada tocaron terra española 21 inmigrantes magrebís. Desembarcaron na praia grancanaria de Pozo Izquierdo. Horas despois, Salvamento Marítimo rescataba os ocupantes doutras 3 lanchas que tamén tentaban arribar á illa.
Contribúen a desbordar un pouco máis as instalacións do porto de Arguineguín, onde este luns se amorean case 800 persoas. Unha xuíza canaria desestimou a denuncia presentada pola alcaldesa de Mogán pola presunta vulneración dos dereitos destas persoas, aínda que no seu auto admite que as condicións en que están sendo acollidos son deplorables.
Pablo Casado acusa o Goberno de estar convertendo o arquipélago noutro campamento como os de Lesbos ou Lampedusa. Para o presidente do PP, "as Canarias non poden ser un tapón migratorio pola incompetencia do Goberno e pola súa irrelevancia internacional. O que propoñemos é que haxa unha repatriación inmediata destes inmigantes aos seus países de orixe".
Casado vinculou a chegada de inmigrantes ao chío de Pablo Iglesias a prol dun referendo no Sáhara. Sobre este asunto, o ministro do Interior lembrou que a postura española sobre a súa antiga provincia márcana o presidente e a ministra de Exteriores. Marlaska discrepa tamén das solucións dos populares: "Non hai atallos en política migratoria. Creo que dicir palabras grosas o único que manifestan é un absoluto descoñecemento".
O Goberno avoga por desartellar as redes mafiosas, protexer o inmigrante e buscar a complicidade europea e dos países de orixe.