Os cinco positivos chegados de Mallorca en ambulancia están illados no domicilio
• O grupo que chegou en autobús está en corentena, á espera do resultado da segunda PCR
O grupo de cinco estudantes que deu positivo en Mallorca xa está en Galicia. Chegaron en ambulancia e agora permanecen nos seus respectivos domicilios en illamento. O grupo de 16, que estivera confinado nun hotel da capital balear, está en corentena, á espera do resultado da segunda PCR.
Este segundo grupo chegou en autobús. O primeiro destino foi Arteixo, onde quedaron sete rapaces. Os outros nove continuaron traxecto ata Vimianzo. Despois de catorce horas de viaxe, os rostros reflectían cansazo. A última das paradas que realizou o autocar foi na estación de servizo de Guitiriz, onde se procedía ao intercambio do persoal sanitario que os acompañaba desde Valencia.
O grupo galego viaxou en barco con 20 adolescentes madrileños e 77 andaluces, todos illados do resto da pasaxe. Os autocares contratados polas tres comunidades autónomas accederon á adega do barco para recollelos dentro. Despois, leváronos ata a carpa instalada pola Consellería de Sanidade de Valencia.
Dez estudantes en corentena en Mallorca
Respecto a os estudantes que continúan en Mallorca, nestes momentos hai dez con diagnóstico positivo de covid-19. Confirmouno este vernes o presidente da Xunta, quen explicou que se atopan nestes momentos nun hotel cumprindo a corentena.
Neste sentido, considerou que a mellor opción, é dicir, "o que procede se están positivizados", é finalizar "a corentena en Mallorca", dixo Núñez Feijóo. Con todo, precisou que se atopan "ben de saúde e controlados" polo que confía en que "non haxa que lamentar algunha incidencia na evolución pola covid".
Nestes momentos, a Consellería -precisou- segue en contacto coas autoridades sanitarias de Baleares para seguir a súa evolución.