CRTVG

Buscar

Bos días

Chegan a terra os 25 superviventes do Dorneda

Publicado o 16/07/2018 09:18

A emoción foi a nota dominante na chegada a porto dos 25 mariñeiros rescatados tras o afundimento na Arxentina do pesqueiro Dorneda, da empresa galega Freiremar. Na zona do naufraxio, a Armada Arxentina continúa cos labores de busca para tentar atopar con vida o único integrante da tripulación que segue desaparecido.

Despois de cinco días, rematou a espera para os 25 superviventes do naufraxio do buque con base en Vigo Dorneda. Onte, á última hora da tarde, chegaron a terra divididos en dous buques. O primeiro, con 16 mariñeiros a bordo, arribou ao porto de Montevideo, minutos despois facíao o propio Beagle 1 no porto arxentino de Mar del Plata, cos 9 mariñeiros restantes.

Amigos e familiares recibiron os sobreviventes do naufraxio á súa chegada ao continente. Moi emocionados relataron as cinco horas de pánico que viviron ata que foron rescatados de entre ondas de 9 metros.

Luis Eduardo Namuche, supervivente do Dorneda de orixe peruana: "Os compañeiros que faleceron fixemos moito por eles pero desgraciadamente non puidemos facer máis".

Entre os 27 tripulantes, hai un morto e outro continúa desaparecido. Na zona do sinistro, a 570 quilómetros da costa arxentina, continúan os labores de busca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

16/07/2018