Galicia quere acabar coa primeira fase de vacinación a comezos de febreiro
• Nieves, santiaguesa, de 82 anos e residente do xeriátrico Porta do Camiño, foi a primeira persoa vacinada en Galicia contra a covid-19
• "Polo que estamos vendo nas residencias, a xente que desexa vacinarse está por enriba do 90%"
A santiaguesa Nieves Cabo, de 82 anos, é a primeira muller en recibir a vacina contra a covid-19 en Galicia. A propia Nieves asomouse ás ventás da residencia Porta do Camiño e manifestou a súa alegría. "O bicho deu moitos desgustos", constatou.
Chegan a Santiago as primeiras 500 doses da vacina contra a covid-19https://t.co/WDg61DezFK pic.twitter.com/fon9ROXDRy
— G24 (@G24Noticias) December 27, 2020
A primeira hora da mañá Nieves xa agardaba feliz no balcón pola chegada da vacinas. As primeiras caixas entraban nesta residencia pouco despois das dez e media.
"Eu xa lles dicía hai uns días que quería ser a primeira, non teño medo ningún", explica Nieves. E dito e feito, sen medo e con decisión, esta muller foi a primeira en vacinarse contra covid-19 en Galicia.
Ten 82 anos e leva residindo neste centro de Santiago dous meses. Pouco despois de picarse falaba cos seus para darlles a noticia. "Díxenlle: Aranchiña puxen a vacina!, e díxome: "Non me digas, avoa", asegura Nieves. "Estou moi contenta, están todos agardando pola vacina", engade.
Nos últimos días o equipo de enfermeiras que a aplican recibiu formación específica debido aos requirimentos e controis que precisa o farmaco de Pfizer.
"Todo foi segundo planificamos e a recepción por parte dos residentes e dos traballadores foi espectacular", indicaba unha profesional sanitaria. "77 empregados e 66 usuarios", eran as vacinacións previstas durante todo este domingo cargado de esperanza.
Galicia quere acabar a primeira fase de vacinación en febreiro
Despois deste inicio da campaña de vacinación, realizada de xeito case simbólico, a intención das autoridades sanitarias é que se poida finalizar esta primeira fase nos centros de maiores a comezos do mes de febreiro.
Será a un ritmo de mil persoas ao día. En principio estaba previsto que fose a partir deste martes nas sete áreas sanitarias coas 18.000 doses de vacinas semanais que está previsto que cheguen con esa regularidade a Galicia. Non obstante, tras o anuncio de Pfizer de que se ten que atrasar un día a súa chegada a España, en principio esa vacinación non podería comezar ata o mércores, dado que chegan ultraconxeladas.