CRTVG

Buscar

Chegan dous millóns de máscaras para o Sergas

Publicado o 01/04/2020 17:03

Galicia reforza o material sanitario. Acaban de chegar a Negreira dous millóns de máscaras adquiridas pola Xunta.

Foi posible grazas á loxística facilitada por Inditex. Os camións prepáranse dende este momento para repartir o material por toda a comunidade. Os novos lotes de máscaras súmanse ás 700.000 recibidas o domingo pasado.

A plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde recibiu a da da facilitada por Inditex un segundo envío de material con dous 2 millóns de máscaras adquiridas pola Xunta. Estes lotes forman parte dos adquiridos pola Xunta a distintos provedores e súmanse ás 700.000 máscaras que chegaron o pasado domingo. En concreto, destas, 500.000 foron compradas polo Executivo autonómico e o resto proceden de doazóns, 100.000 de Inditex e 100.000 do Grupo Caamaño.   

Xa se está a distribuír o material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, segundo Sanidade. Deste xeito, un total de 122.350 máscaras foron distribuídas por residencias sociosanitarias de toda Galicia; 20.000 foron enviadas á Consellería de Política Social, outras 18.190 foron enviadas ás residencias sociosanitarias da área de Vigo; 16.500 unidades ás da Coruña; 13.300 ás de Santiago; 4.740 ás de Lugo; 33.020 ás de Ourense; 8.580 ás de Pontevedra; e 8.020 ás de Ferrol.

Galicia recibiu un total de 587.415 máscaras dos 15,5 millóns de unidades que o Goberno repartiu entre as comunidades autónomas.  Segundo o Ministerio de Sanidade, desde o pasado 10 de marzo ata este martes, 31 de marzo, distribuíranse entre as comunidades autónomas máis de 32,7 millóns de unidades do dito material.   

A este material engádense unhas 141.800 unidades de solución hidroalcohólica, 106 dispositivos de ventilación mecánica invasiva e 640 ventiladores non invasivos.   

No tocante a máscaras recibidas, ocupan os primeiros postos a Comunidade de Madrid, 4.229.904; Cataluña con 2.361.791 máscaras; e Andalucía, que puido dispor dun millón e medio destas unidades. Galicia recibiu 587.415 máscaras.

 

Noticias web

01/04/2020