CRTVG

Buscar

Chegan a Galicia os primeiros turistas internacionais tras a reapertura das fronteiras

Publicado o 24/05/2021 15:00

Xa hai ambiente no aeroporto compostelán da Lavacolla, e algúns turistas internacionais.

"Hai máis dun ano que non viña", comenta unha pasaxeira.

Pero, polo de agora, ningún procedente dos 10 países non comunitarios considerados seguros, entre os que se atopan Reino Unido, A China ou O Xapón, e cuxos turistas poden dende este luns visitar España sen controis sanitarios.

"Creo que deberían seguir realizando probas PCR porque a situación aínda é complicada", di unha turista. Para outro viaxeiro "é unha boa maneira de reactivar o turismo".

Con todo, algúns deses países seguros non consideran España totalmente libre, e obrigarán os seus nacionais a gardar corentena cando regresen, algo que pode limitar as viaxes internacionais. O que si vai en aumento é a chegada a Galicia de peregrinos.

"Nós vimos das Canarias e imos facer o Camiño", explica outra das turistas. 

Dende o sector aplauden a reapertura de fronteiras, pero demandan que se faga baixo parámetros de calidade e seguridade. Din que, polo momento, o 85 % das reservas en Galicia para este verán proceden do turismo nacional.

"Vemos unha ralentización total do sector internacional, dependemos estratexicamente desas mobilizacións transfronteirizas que poidan facerse, tan importantes para reactivar a economía", explica María José Mato, delegada en Galicia da Asociación Española de Profesionais do Turismo. 

Porque, din, antes da pandemia o sector turístico supoñía o 10,4 % do PIB en Galicia, e o 11 da taxa de emprego. Unhas cifras que, segundo cren, aínda tardarán en recuperar. A partir do 7 de xuño o fluxo de visitantes internacionais podería aumentar, xa que dende ese día permitirase a entrada en España de todos os viaxeiros de calquera país do mundo que xa recibiran a pauta completa de vacinación.

Noticias web

24/05/2021