CRTVG

Buscar

Chegan a Galicia 700.000 máscaras adquiridas pola Xunta e procedentes de doazóns

Publicado o 29/03/2020 22:10

O Goberno galego informa que chegou a Galicia o primeiro envío de máscaras, cun total de 700.000 unidades entre as adquiridas pola Xunta e as procedentes de doazóns privadas.

Son un total de 500.000 as que foron adquiridas pola Xunta, ás que se lles suman as doadas por Inditex (100.000) e polo grupo Caamaño (100.000). A partir da semana que comeza mañá, prevese que continúen recibíndose novos envíos cos restantes lotes adquiridos pola Xunta a distintos provedores. O material foi entregado polo provedor na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde, situado en Negreira, e dende alí será distribuído a toda a comunidade autónoma.

A Consellería de Sanidade comezará a distribuír este material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.