Chega ás salas de cine 'Ons', o novo filme de Alfonso Zarauza
Unha parella en crise chega a unha illa atlántica para pasar o verán despois dun suceso traumático. De súpeto comezan a suceder cousas inesperadas. A luz transfórmase en gris. O ambiente ameazante dos temporais atlánticos envolve a historia e os personaxes con misterios e zonas escuras.
"Se hai que poñerlle unha etiqueta -dinos o seu director, Alfonso Zarauza- a máis axeitada quizais sería un thriller emocional". "É unha película que fala de cousas que están moi adentro, pero cunha argamasa de thriller que creo que pode ser moi atractiva para o espectador, porque ten ese misterio, esa illa poderosa que o envolve todo", asegura.
Ons é o quinto filme do director compostelán Alfonso Zarauza, unha coprodución galego-portuguesa que conta coa participación da TVG e a RTP de Portugal. Tras o seu paso polo festival Márgenes e o Festival de Sevilla, pode verse desde hoxe en 14 salas de cine galegas e tamén en Madrid e en Barcelona.