CRTVG

Buscar

Chega ás Canarias o veleiro que viña cara a Galicia con 1.200 quilos de cocaína

Publicado o 04/08/2020 14:55

O Nergha chegaba á base naval das Palmas de Gran Canaria pouco despois das dez da mañá. Alí, os reponsasables deste novo golpe ao narcotráfico explicaban que o veleiro, cargado con 1.200 quilos de cocaína, fora interceptado o pasado mércores ao sur das Illas Azores. Foi no marco da operación Bateas, desenvolvida de forma conxunta entre a Policía Nacional e a Garda Civil en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira. Dirixíase a Galicia camuflado nunha suposta viaxe turística de dúas parellas a bordo dun veleiro.

Hai unha ducia de persoas detidas, a última unha muller de Cambados, que xa pasou a diposición xudicial na Audiencia Nacional, desde onde se instrúe o caso.

O operativo co que as forzas de seguridade asestaron un novo golpe ao narcotráfico iniciábase no pasado mes de decembro e concluía a semana pasada co apreixamento do veleiro e dos seus tripulantes. En terra, na comarca do Salnés, continuaban as detencións tralos rexistros realizados en diferentes localidades da zona.

O Nergha saira do porto de Cobres, en Vilaboa, a mediados do mes de xuño con rumbo a Cabo Verde, onde cargou a droga, procedente de América do Sur. A unhas mil millas ao oeste das Illas Canarias foi abordado por un comando de asalto e remolcado por un buque da Armada ata o porto das Palmas, a onde chegaba estea mañá e onde vai ser inspeccionado en profundidade.









 

Noticias web

04/08/2020