Chega a Vigo o veleiro interceptado no Atlántico cuns 2.000 quilos de cocaína
• O barco recalou escoltado por un buque de Vixilancia Aduaneira
• Imaxes da operación de Vixilancia Aduaneira para apreixar o veleiro
O porto de Vigo recibiu este venres o veleiro que foi interceptado en augas do Atlántico Norte cuns 2.000 quilos de cocaína.
Chegou contra as once e media da mañá escoltado polo buque de Vixilancia Aduaneira Petrel.
A operación coordinada entre Aduanas e a Policía Nacional deu como resultado a captura desta embarcación hai unha semana ao norte dos Azores, en augas do Atlántico. A embarcación, de tamaño medio, navegaba cara á Costa do Sol, ao sur de España.
Hai cinco detidos, todos estranxeiros e de distintas nacionalidades. Dous eran os tripulantes do narcoveleiro e outras tres persoas, membros dunha organización dedicada ao narcotráfico asentada na provincia de Málaga. O volume de droga comisado é o maior descuberto nun veleiro nos últimos anos.
Todo apunta a que o plan dos tripulantes do veleiro era virar cara ao sur pero non tiveron tempo. Apresáronos nun punto onde non adoitan navegar coa carga, xa que o habitual é que os narcotransportistas poñan rumbo ao sur moito antes. "Hai narcos galegos relacionados con organizacións criminais suecas e holandesas, que son os detidos da Costa do Sol. Se aquí non houbo aínda detencións é porque a operación segue aberta", explica Emilio Rodríguez, de GRECO Galicia
A participación de axentes do Grupo Especial de Resposta ao Crime Organizado da Policía Nacional en Galicia apunta a unha conexión entre os narcotraficantes residentes na Costa de Sol e os galegos neste novo envío de cocaína. Foi unha comisión xudicial, dirixida por un xuíz de Vigo, quen supervisou a entrada e o rexistro do barco, así como a descarga dos fardos
Foi unha comisión xudicial, dirixida por un xuíz de Vigo, quen supervisou a entrada e o rexistro do barco, así como a descarga dos fardos.