CRTVG

Buscar

Chega a Tui a primeira edición do certame de curtametraxes 'Avoa Galega Festival'

Publicado o 04/09/2020 20:25
Chega a Tui a primeira edición do certame de curtametraxes 'Avoa Galega Festival'

Tui acolle esta fin de semana o festival de cinema 'Avoa Galega Festival'. Na primeira edición deste concurso de curtametraxes, os participantes rodan a súa peza audiovisual en 24 horas, das 17.00h do sábado 5 ás 17.00h do domingo 6.

O festival abrirá cun obradoiro ás 11.00 horas do sábado no espazo xove de Tui, en que se explicará todo o proceso de grabación das curtas, os espazos a utilizar, os horarios e as temáticas.

A inscrición é gratuíta, cun máximo de 5 persoas por grupo, de entre 18 e 30 anos, e con total liberdade creativa para a grabación.

"Queremos que os participantes non se sintan atados e presionados á hora de filmar. Cun simple móbil e a súa imaxinación é suficiente", explica Esteban de Castro, membro da organización.

O equipo gañador recibirá 500 € en metálico, así como o galardón en pedra da Avoa Galega. Tamén haberá outros recoñecementos. A mellor actuación recibirá un premio de 100 €.

Tamén poden participar actrices e actores voluntarios, enviando fotografía da cara, idade e experiencia en interpretación ao correo avoagalegafestival@gmail.com.

O certame conta cun xurado de prestixio composto por profesionais do sector.

Entre eles, o especialista en composición de música para cine, televisión e publicidade Xavi Font, galardoado nos premios Goya 2020 polo seu traballo na afamada 'O que arde' de Oliver Laxe; a presentadora, actriz e produtora Isabel Blanco, coñecida polo seu papel na serie galega 'Mareas Vivas', entre outras, e o actor e director Nani Matos, ben coñecido no mundo audiovisual por obras como 'Lurna', premiada no festival de Cans 2016 e a última aparición na aclamada serie galega 'O sabor das margaridas'.

'Avoa Galega Festival' busca ensalzar a cultura galega, o idioma, a paisaxe e reivindicar a muller dentro do sector audiovisual.

"A idea é achegarnos máis á nosa terra a través da representación cinematográfica dos participantes", sinalan dende a organización.

"Estamos moi ilusionados co festival. É un orgullo para nós facelo, dadas as circunstancias actuais", engaden.

Precisamente por mor das circunstancia actuais, o festival contará cun protocolo de seguridade fronte á Covid-19 para garantir a seguridade de todos os participantes.