CRTVG

Buscar

Chega a Madrid o segundo avión na semana con 160 cidadáns afgáns evacuados

Publicado o 12/10/2021 22:55
Chega a Madrid o segundo avión na semana con 160 cidadáns afgáns evacuados

O segundo avión que o Goberno fretou esta semana para evacuar o persoal que colaborou coas autoridades españolas en Afganistán aterrou ás 20:45 horas na base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid) con 160 refuxiados de 28 familias. Na base aérea reciben o avión de AirEuropa a pé de pista o ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares, a ministra de Defensa Margarita Robles, o ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska e a ministra de Sanidade Carolina Darias.

É o segundo voo que chega desde Islamabad (Paquistán), tras o fretado onte luns con 84 refuxiados afgáns, entre eles varios menores de idade e mulleres. O avión chegou á base cunha hora de atraso respecto ao horario previsto inicialmente. Na base de Torrejón está preparado todo o dispositivo para recibir a este novo continxente de afgáns, nunha operación que deseñou un grupo de traballo integrado por representantes dos ministerios de Asuntos Exteriores, Interior, Sanidade, Defensa e Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Segundo fontes de Defensa, neste grupo hai máis de 50 menores, moitos dos cales baixaron do avión en brazos das súas nais ou pais, abrigados con mantas tras a longa viaxe.

Tras recibiren os refuxiados, que descenderon en grupos de ata 17 persoas, os tres ministros coincidiron en sinalar que esta é a mellor maneira de concluír o Día da Festa Nacional, mostrando unha "España solidaria, xenerosa e que constrúe", en palabras da titular de Defensa Margarita Robles.

Con este voo conclúe a segunda fase de evacuación, segundo os ministros, que explicaron que, con todo, séguese traballando cos excolaboradores afgáns que están en perigo.

Recentemente o ministro de Asuntos Exteriores viaxou a Paquistán e a Qatar para trasladar ás súas autoridades o desexo de establecer vías para evacuar desde Kabul os colaboradores afgáns que non puideron saír do seu país na primeira fase de repatriación. Qatar e Paquistán son os estados que teñen unha maior relación política cos islamitas radicais afgáns.

A chegada dos ao redor de 245 afgáns, entre onte e hoxe, súmase ás 2.206 persoas entre españois e afgáns que foron evacuados na primeira operación de evacuación levada a cabo por España o pasado mes de agosto. Precisamente este martes o presidente do Goberno Pedro Sánchez participou no Cumio Extraordinario do G20 sobre Afganistán, onde pediu "extraer leccións colectivas da situación para outras rexións fráxiles, como o Sahel".

Os líderes do G20 abordaron a axuda humanitaria para a poboación afgá, a seguridade ante o terrorismo e o tráfico de drogas, os plans de evacuación e a colaboración con países veciños. "Estamos decididos a evacuar todos os nosos excolaboradores afgáns en situación de risco. Non deixaremos ninguén atrás", subliñou o presidente.

Noticias web

12/10/2021