CRTVG

Buscar

Chega a Galicia o axente lugués ferido en Barcelona

Publicado o 26/10/2019 21:35

Ángel regresa á casa cos ánimos intactos despois de vivir días moi duros, os últimos sete no hospital Sagrado Corazón de Barcelona. "Porque estiven apoiado por todos os meus compañeiros e os meus familiares, aínda que estaban lonxe, sempre me estiveron apoiando", conta.
Os seus compañeiros recibírono con aplausos no cuartel de Lonzas, aínda que as primeiras apertas foron para os seus pais. Ángel foi operado o luns dunha fractura aberta do radio dereito, resultado do impacto dun obxecto de grandes dimensións durante os disturbios do 18 de outubro. "A operación saíu ben e agora queda unha recuperación longa e dura".

Deulle a benvida José Luis Balseiro, comisario rexional de operacións, que confirmou a boa evolución do outro axente galego ferido en Barcelona. "Estamos preocupados por eles e por todos, porque falei agora co xefe da unidade de intervención en Barcelona e están alí actuando nestes momentos".

Ángel forma parte da Unidade de Intervención da Coruña desde hai dez anos. O Sindicato Unificado de Policía pídelle ao Ministerio do Interior un recoñecemento público e retributivo para el e para todos os axentes despregados en Cataluña.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/10/2019