CRTVG

Buscar

Chega a España a primeira vaga do calor do verán, da que librará Galicia

Publicado o 25/06/2019 14:27

E mentres, case toda España se prepara para a primeira gran vaga de calor do verán. As previsións anuncian marcas históricas nalgúns lugares como o val do Ebro, onde as temperaturas poderían acadar os 43 graos.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía alerta de que se trata dun fenómeno excepcionalmente adverso. Primeiro, pola súa duración, a vaga de calor entrará mañá e durará seis días.

Segundo, pola sua extensión: afectará boa parte da Europa occidental. En España só se librarán dela Galicia, Asturias, Cantabria, as Canarias, Ceuta e Melilla. E terceiro, pola súa intensidade; nalgúns lugares como o val do Ebro poderán acadarse temperaturas de ata 43 graos.

O Ministerio de Sanidade emitiu un decálogo de consellos para estes días, que van desde beber auga con frecuencia aínda que non se teña sede, reducir a actividade física ou ter un coidado especial coas persoas maiores e cos máis pequenos.

As autoridades lembran que a exposición a altas temperaturas pode provocar problemas serios de saúde.

O peor desta vaga de calor agárdase entre o venres e o domingo, tres días en que se poderán superar algunhas marcas históricas de temperaturas máximas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019