CRTVG

Buscar

Chavismo e oposición volven ás rúas de Caracas

Publicado o 02/02/2019 15:19

Chavismo e oposición volven esta tarde ás rúas de Caracas. Manifestacións que van ter lugar a un día de que remate o prazo que Pedro Sánchez lle deu a Maduro para que convoque eleccións.

O vicepresidente dos Estados Unidos dirixiuse nas últimas horas ao exilio venezolano no sur da Florida.  

Tras unha reunión con líderes da comunidade venezolana, Mike Pence asegurou que "a loita" que sacode Venezuela é "entre a democracia e a ditadura" e que este é o momento de que o país "recupere a liberdade"...
Reafirmouse en que non é tempo para dialogar senón para actuar...

Nicolás Maduro e Juan Guaidó levan a súa puxa polo poder executivo ás rúas de Venezuela este sábado, nunha data na que o chavismo celebra vinte anos de poder...

A oposición congregará os seus seguidores nunha gran manifestación que partirá de cinco puntos de Caracas e da que non se coñece o seu punto final para evitar a represión da Garda Nacional Bolivariana... A marcha repetirase nas principais cidades do país, e tamén contará con apoio no estranxeiro... 

En Madrid, por exemplo, ás sete desta tarde está convocada unha manifestación para respaldar o apoio da UE a Venezuela e a Juan Guaidó como presidente interino. 
 En Galicia haberá concentracións de apoio a Guaidó en Santiago ás cinco e media da tarde e en Ourense ás oito.
 
O tempo do ultimato dado a Maduro acábase e España fará este luns o seu recoñecemento a Guaidó como presidente provisional para que convoque eleccións...

O autoproclamado presidente de Venezuela está a manter contactos cos aliados de Maduro, como a China e Rusia, para convencelos de que fai falta un cambio de goberno no país.

E mentres, o chavismo congregarase hoxe no centro da capital. Espérase que Maduro faga a primeira aparición nun acto de masas desde o mes de agosto, nun intento de amosar a súa forza.

Maduro continuaba ademais estes días cos seus actos en cuarteis militares. Onte, nunhas manobras do exército e como comadante en xefe dixo estar disposto a chegar ata o final. Pediu ás Forzas Armadas "fortalecerse ante unha invasión estranxeira".

Noticias web

02/02/2019