CRTVG

Buscar

Chantada prepara unha nova festa do Folión de Carros

Publicado o 21/08/2019 14:40

En Chantada están convencidos que para saber onde ir primeiro hai que saber de onde vimos. Por iso cada ano ten máis éxito o folión de carros. Nesta edición participan 12, todos tirados por xugadas. "Por iso encontramos nas representacións que hai enriba dos carros desde escenificacións agrarias como unha malla, lugares como a ermida do faro, casas labregas... Cobran especial importancia os apeiros. Eses obxectos que xa non se usan na actualidade", di Xavier Viana, da Asociación de Amigos do Folión de Carros.

O sábado á noite será o desfile polas rúas da vila. A festa reivindica a memoria colectiva, esa identidade común que se agocha nas rúas, nas tradicións ou na personalidade da xente. Estes días o traballo nas carrozas intensifícase. "Arredor de cada carro hai 30 ou 40 persoas. Hai máis que colaboran con apeiros e outras cousas. No mes de agosto, hai unhas 100 persoas en cada carro", di Manuel Vázqez, presidente da asociación.

Este ano homenaxéase o labor dos panadeiros. Cada carro empézase a pensar meses antes da festa. Despois buscan información, apeiros, os animais de tiro... E por fin, a construción, baseada en madeira e cartón.

"É un orgullo para a xente. Levámonos moi ben. Temos rapaces desde 10 anos ata 50. Xuntámonos e onte ás seis da mañá estabamos dez aquí", conta Roberto Osorio, un dos participantes no folión.

O Folión de Carros foi declarado festa de interese turístico galego en 2002. Agora loitan por conseguir que sexa declarada de interese nacional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/08/2019