CRTVG

Buscar

Chamamentos á prudencia ante unha fin de semana cos contaxios disparados

Publicado o 09/07/2021 19:38

Chega a fin de semana e con ela a proba de lume para comprobar se as novas restricións atallan unha pandemia que volve estar desatada en Galicia. Xunto á man dura aos botellóns, a Xunta pídelles aos máis novos prudencia, por eles, e polos seus.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade lembrou que “seguimos tendo mozos e mozas ingresados, algúns en áreas de críticos, e ese risco de que, aínda que eles non padezan os efectos do virus, si que contaxien os seus pais, os seus avós, incluso cando están vacinados xa”.

Lembra o conselleiro que nos hospitais hai enfermos coas dúas doses da vacina. A Xunta non contempla, polo momento, o peche de locais nocturnos.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou que “non temos asociado a situación que temos co ocio nocturno, basicamente porque non leva nin unha semana aberto. Entendo que comunidades que levan máis tempo co ocio nocturno poidan ter unha relación causa efecto e decidan abordala. Nós non temos, de momento, esa situación pero podemos chegar a ela".

A área sanitaria de Ourense é a máis golpeada nas últimas horas, sobre todo a capital, o veciño Barbardás, Verín e O Barco.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, dixo que “se está experimentando un crecemento explosivo nestes días. Está rápida circulación do virus vencellado a novas cepas cunha maior capacidade infectiva pode facer que ese virus experimente algunha mutación que nos leve a aumentar a súa virulencia”.

Os casos dispáraronse tamén en Lugo, sobre todo a raíz dunha voda en Meira a fin de semana pasada: dos 110 convidados, contaxiáronse 45.

Noticias web

09/07/2021