Clamor en Meirás contra a violencia machista na entrega das medallas Pardo Bazán
EFE/Cabalar
EP
O pazo de Meirás acolleu esta tarde o acto de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán, coas que a Xunta recoñece o traballo de persoas ou institucións a favor da igualdade entre homes e mulleres. Estas medallas entréganse os días 16 de setembro, día do nacemento da escritora, fai 170 anos hoxe. E por vez primeira o acto celébrase nas torres de Meirás, deseñadas por Pardo Bazán e onde escribiu parte da súa obra, en que denunciou os asasinatos machistas, aos que lles puxo o nome de mullericidios.
A Xunta entregou as medallas Emilia Pardo Bazán á Asociación Mirabal, á produtora Zaza Ceballos e á exsindicalista María Jesús Díaz, a título póstumo.
Con máis de dez anos prestando atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, a Asociación Mirabal, con sede en Betanzos, recibiu esta distinción, recollida pola súa presidenta Ana Saavedra. Na súa intervención, dedicou o premio ás vítimas de violencia machista "que non están". "Por Mónica", dixo en referencia á muller presuntamente asasinada pola súa parella na Coruña esta madrugada.
Este recoñecemento fíxoo extensivo tamén a "cada unha das sobreviventes" e ás que loitan "todos os días". Ademais, apelou á implicación da sociedade e do colectivo da xudicatura. "Son importantes nesa loita", dixo en referencia a xuíces e maxistrados. Tamén instou a denunciar, porque "o que non se conta non existe". Antes das súas palabras, no acto houbo un recordo para a muller atopada morta por causa violenta no seu piso da Coruña. Ao comezo gardouse un minuto de silencio como mostra de repulsa.
No caso da sindicalista María Jesús Díaz, concedéuselle a título póstumo polo seu labor á fronte da Asociación Alar, que fundou en 2001 e que presidiu ats a súa morte, en 2009, quen foi tamén membro de CCOO. Fernando González, en representación da fundación Alar, con sede en Lugo e dedicada á loita polos dereitos dos máis desfavorecidos, reivindicou o labor de Marijé Díaz, da que dixo que era "feroz defensora do papel da muller".
Polo seu traballo pioneiro no ámbito da produción audiovisual, concedéuselle tamén a medalla a Zaza Ceballos, quen cualificou a Pardo Bazán como unha "referencia". "Ensinoume que non pasa nada por ter ambición", manifestou. Así mesmo, reivindicou o labor das mulleres que traballan en distintos ámbitos, e tamén a distinción recibida para que o mundo "mellore".
Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade María Jesús Lorenzana, que pechou a quenda de intervencións, tamén trasladou o apoio á familia da muller falecida e ás forzas e corpos de seguridade para que "o máis rápido posible se faga xustiza". Fíxoo tamén expresando a "dor" do Goberno galego e instando a loitar contra esta praga.
Por outra banda, reivindicou a importancia das medallas Emilia Pardo Bazán para destacar o labor de mulleres "fortes", dixo nun discurso en que enxalzou tamén a traxectoria da escritora galega e os seus escritos sobre o feminismo. O mesmo fixo en referencia á entidade galardoada e as dúas premiadas coas medallas. "Que Meirás siga sendo o que ela quixo que fose, un lugar de liberdade", expuxo tamén.
O acto contou coa presenza de distintas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento galego Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez e a subdelegada do Goberno na Coruña María Rivas.